O que nos move
Escrito por &
En nosDeu, os nosos valores non son só palabras nunha páxina: son a forma na que tomamos decisións e nos relacionamos con quen nos rodea. Sérvennos para aliñarnos entre nós e habelos escritos facilítanos este proceso.
Sobremesas longas
As mellores ideas rara vez nacen con présas.
Defendemos o valor das sobremesas longas: eses momentos sen reloxo nos que a conversación flúe, as ideas se cruzan e se constrúe desde a calma.
Ás veces hai comida polo medio, outras son unhas canas ou un café, mais o importante é a actitud: sen cronómetro, sen alarma, sen agobios.
Sempre respectando as responsabilidades e obrigacións familiares, mais sen excusas para non dedicar tempo de calidade a pensar, escoitar e compartir o profesional e o non profesional.
Espazos de aire
Credes no valor do que bautizamos como espazos de aire: encontros, na súa maioría por videollamada, que se alongan para falar de todo menos de traballo. Son momentos onde a axenda se aparca e a conversación se move libremente por ideas, anécdotas e reflexións persoais.
Porque para que as cousas funcionen, hai que investir tempo en crear relacións, e ese tempo é a graxa que necesita a nosa máquina social para que as cousas rematen saíndo, para que xurdan ideas de forma natural e para que se senta o apoio cando de verdade faga falta.
Non compartimos esa visión de empresa, na que unha reunión de catro horas durante unha hora se calcula como un simple custo de persoa por hora. En nosDeu, ese tempo gustamos de velo como unha inversión na cohesión, confianza e creatividade do equipo. Pode que non teña un retorno inmediato en facturación, mais si o ten na calidade do traballo, as ideas que nacen e a forza do equipo.
A familia
Non se pode falar do colectivo sen falar da familia. E "familia" non sempre significa o mesmo para todos: pode ser a túa parella, os teus fillos, a túa nai, un amigo que sempre está aí...
En nosDeu sabemos que construir algo xuntos tamén significa coidar de quen nos sostén fóra do traballo. A familia, en calquera das súas formas, é ese círculo que nos dá perspectiva, apoio e sentido cando o día a día se complica.
Haberá momentos de equilibrio e momentos de caos. Semanas nas que sobrará tempo e outras nas que non alcanzará para todo.
Por iso, cuidar a familia é para nós un piar fundamental, tan importante que a saúde da mesma é un KPI clave á hora de ponderar o éxito.
Porque, se non somos quen de coidar dos nosos, como imos coidar dos clientes ou dos proxectos?
Persistir
Unha retirada a tempo pode ser unha vitoria, mais a maioría das cousas importantes requiren constancia. Sabemos que o cemiterio de ideas, blogs, podcasts e side projects que non superan os tres meses é enorme, e moitas veces non por falta de recursos, senón por falta de persistencia.
Persistir non significa avanzar á tola: significa apoiarse na rutina e nos hábitos que nos manteñen en marcha mesmo nos días grises, cando a motivación non aparece. É seguir empuxando, adaptando o rumbo cando fai falta e dándonos o tempo suficiente para descubrir se algo realmente funciona.
Queremos chegar o bastante lonxe como para poder dicir, con certeza: o intentamos. Aínda que o resultado non sexa o agardado.
Por amor á arte
Algúns dos nosos proxectos máis valiosos non naceron cun plan de negocio nin coa promesa dun retorno inmediato, senón da pura paixón por facer algo que nos importaba. Foron esas ideas sen expectativas, feitas por amor ao arte, as que, co tempo, nos regalaron as aprendizaxes, as conexións e as oportunidades máis inesperadas.
Un deses proxectos, Datola, é quizais a semente de que hoxe exista nosDeu. E máis alá desta propia existencia, seguimos coidándoo porque é un bo recordatorio de que non todo o valioso se mide en euros.
Porque, se só fixésemos o que ten un retorno claro, cantas historias incribles nos estaríamos perdendo?
A comunidade Datola
A comunidade Datola é unha das nosas raíces máis profundas. En nosDeu temos moi claro que vai moito máis alá das persoas que forman parte do equipo organizador, sexan Brais, Eva ou calquera outra. Pertence a todas as persoas que a fixeron medrar co seu tempo, o seu coñecemento e a súa enerxía.
Non a usaremos como ferramenta comercial nin poremos en risco a súa sostenibilidade por intereses propios.
Son dous proxectos distintos, unidos pola filosofía do colectivo e polas persoas que cren que compartir fai que todos avancemos.
As relacións e o humano
Naceron en tempos da intelixencia artificial, da automatización e de revolucións tecnolóxicas que avanzan a un ritmo vertixinoso. Mais temos claro que o futuro só será mellor se pon ás persoas no centro, se a tecnoloxía potencia o humano en lugar de desprazalo.
E como dicía aquela newsletter de Datola:
A boa IA non substitúe: sostén. Non enfría: amplifica. O humano non se automatiza, poténciase.
As relacións son a base de calquera proxecto. Non se constrúen só en reunións de traballo, senón nas conversacións fóra de guión, nas risas compartidas, nos xestos pequenos e no apoio mutuo cando as cousas se complican.
Creamos que as ferramentas poden facer moito, mais son as persoas as que marcan a diferenza. Investir tempo en crear e coidar relacións non é opcional para nós: é a base que nos permite que as ideas medren, que os proxectos sobrevivan e que o traballo teña sentido.
Porque, por moi brillante que sexa unha estratexia, sen confianza e sen vínculos humanos, as cousas non se executan, non trascienden.
Compartir é vivir
En nosDeu cremos que as ideas e o coñecemento medran cando se comparten. Non se trata só de publicar ou ensinar, senón de abrir procesos, mostrar aprendizaxes e recoñecer erros.
Compartir constrúe confianza, acelera a aprendizaxe e deixa pegada máis alá dun proxecto. Non buscamos a perfección: buscamos que o que sabemos poida inspirar ou axudar a alguén, agora ou no futuro.
E por se fose pouco, cremos con firmeza que o que damos, sempre volta con creces.
Fai cousas e pasan cousas
Un dos nosos mantras.
Porque cada pequeno paso abre a porta a novas conexións, aprendizaxes e oportunidades que non chegarían doutra forma. Moverse, experimentar, probar, equivocarse e volver tentalo é a única maneira de que as cousas cambien.
Optimismo por obrigación
Días grises, chuviosos. FOMO por todas partes. Outra vaga que pasa e non collemos. O diñeiro que non chega, horas e horas investidas en burocracia, xente pesimista arredor...
Poderíamos seguir coa lista ata a fin dos nosos días. Precisamente por iso, eliximos equilibralo cunha mirada optimista cara ao futuro, cara á vida e cara ao presente.
Sexa cal sexa o golpe, buscamos sempre o lado positivo, tanto no profesional coma no persoal. Non é inxenuidade, é supervivencia.
O optimismo manténnos vivos, ilusionados e con enerxía para seguir facendo cousas.
Non te esqueças de xogar
Proba cousas. Equivócate. Rompe as regras e ríete un pouco das contradicións.
En nosDeu cremos que non todo ten que ser serio nin seguir un plan perfecto. Ás veces, as mellores ideas aparecen cando te saes do guión, mesturas cousas que non encaixan do todo ou che permites facer algo porque si, porque che apetece.
Xoga coma un neno: con curiosidade, sen medo ao erro e coa liberdade de inventar as tuas propias regras. Non buscamos a rareza pola rareza, senón abrir ocos para experimentar e ver que pasa.
Porque se todo o mundo xoga coas mesmas regras, os resultados serán sempre os mesmos.
E por se fose pouco, dicen que é imposible competir coa xente que se diverte facendo o que fai.
Nós queremos xogar.