A nosa crónica

    Cooperativismo galego

    4 xullo 2026Cambados · España

    O 4 de xullo participamos no Día do Cooperativismo Galego, celebrado nas Bodegas Martín Códax, en Cambados.

    Incorporarámonos oficialmente ao cooperativismo uns meses antes e tiñamos ganas de achegarnos máis a un ecosistema co que compartimos bastante máis ca unha forma xurídica.

    Ser cooperativa tamén forma parte do deseño de nosDeu

    Para nós, ser cooperativa non é unicamente unha maneira de repartir a propiedade ou tomar decisións. Forma parte de como quixemos construír nosDeu desde o principio.

    Queremos que as persoas que forman parte do proxecto teñan capacidade real para decidir, que o coñecemento circule e que a responsabilidade sexa compartida.

    Esta forma de organizarnos tamén acaba influíndo en como traballamos cos nosos clientes. Cústanos entender unha empresa que busque autonomía cara dentro e xere dependencia cara fóra. Por iso intentamos compartir coñecemento, explicar as decisións e construír tecnoloxía e procesos que poidan seguir funcionando sen nós.

    O Día do Cooperativismo Galego foi unha oportunidade para atoparnos con outras organizacións que, desde sectores e realidades moi diferentes, tamén decidiron que a forma de construír unha empresa importa.

    Porque o cooperativismo, polo menos como nós o entendemos, non consiste unicamente en ter unha determinada estrutura societaria. Tamén fala de propiedade, de responsabilidade, de como se distribúe o poder e de que tipo de empresa queres deixar medrar.

    Contamos parte deste camiño, xunto coa nosa participación en +Coop, en Cooperar é unha forma de traballar.

    E no noso handbook explicamos con máis detalle por que somos cooperativa e que significa esa decisión no día a día de nosDeu.

    Así o vivimos

    1 / 2
    O Día do Cooperativismo Galego reuniu en Cambados cooperativas de sectores e realidades moi diferentes.