A Datolada demostra que os datos tamén fan comunidade
A Datolada (https://datolada.es) volveu demostrar que arredor dos datos tamén se pode construír comunidade. Arredor de 250 persoas reunímonos na Coruña para falar de analítica dixital, intelixencia artificial, medición, tecnoloxía e, sobre todo, das ganas de compartir coñecemento.
Foi unha edición moi especial tamén por todo o que se xerou arredor do evento. Eva María González Vior apareceu en varios medios, como La Opinión de A Coruña (https://www.laopinioncoruna.es/economia/2026/04/14/coruna-acoge-8-9-mayo-129101880.html) e La Nueva España (https://www.lne.es/occidente/2026/04/23/castropolense-eva-gonzalez-organiza-coruna-129454051.html), compartindo a historia e o espírito de Datola; e Brais Calvo pasou pola radio no programa Lambóns Dixitais (https://www.agalegaaudio.gal/videos/detail/350215-lambons-dixitais-14-04-2026) para falar de comunidade, datos e divulgación.
Ademais, presentamos un dos proxectos internos máis ilusionantes de Datola: un exercicio de unificación de datos e gamificación para entender mellor a participación das persoas que forman parte da comunidade. Podes ver o relatorio completo aquí: A Datolada 2026 - A Dársena e o Dataporte (https://youtu.be/NQQOGs4wrPA).
Durante a sesión contamos como pasamos de ter información dispersa en ferramentas como WordPress, MailerLite, Spotify, GA4, WhatsApp ou a plataforma de ticketing, a construír unha primeira capa común para ordenar eses datos, detectar duplicados, activar segmentacións e devolver á comunidade unha parte da súa propia historia.
De aí naceron A Dársena, o noso backoffice interno para xestionar e unificar datos, e o Dataporte (https://mi.datola.es/nosdeu), unha forma máis lúdica de recoñecer a participación, os contidos, as asistencias e os vínculos que se van xerando arredor de Datola.
Máis alá da tecnoloxía, o importante foi o fondo: compartir, abrir procesos, ensinar tamén o que non sae perfecto e seguir construíndo comunidade. Porque os datos, a intelixencia artificial e a automatización só teñen sentido cando axudan a conectar mellor as persoas e a coidar os proxectos que queremos que perduren.
Esta forma de entender a comunidade conecta moito co que nos move en nosDeu (https://nosdeu.com/nosotros/cultura/lo-que-nos-mueve#la-comunidad-datola) e con algo que repetimos moito: ir a eventos importa (https://nosdeu.com/nosdiario/por-que-ir-a-eventos), porque moitas veces as mellores ideas nacen precisamente aí, entre conversas, encontros e xente con ganas de compartir.