Would you like to view this site in English?

    Por que cooperativa

    Escrito por &

    Das conversas á cooperativa

    Pode resultar curioso ter que explicar isto, pero a verdade é que nolo preguntan moito. Por que unha cooperativa? Por que non unha empresa "convencional"?

    A decisión non é o resultado dun plan estratéxico, senón de moitas horas de conversa. Tras eses primeiros anos nos que nos coñecemos, pasabamos horas falando e intentando solucionar os típicos problemas do mundo: laborais, persoais…

    Ratos longos, reconfortantes e cheos de ideas. Algunhas quedaban na conversa e outras terminaban converténdose en proxectos reais, como Datola ou, agora, nosDeu.

    Naquelas conversas sempre repetiamos o mesmo: outra forma de facer as cousas era posible. Unha forma distinta de entender o traballo, o tempo, o impacto e o valor, tanto na empresa como nas nosas propias vidas.

    E aí sempre había unha persoa, Antonio, que renxía por todo, debatía ata a saciedade e, cun corazón inmenso, dicíanos:

    Chámase cooperativa, e é unha forma de loitar contra o capitalismo desapiadado.

    Aínda que tamén nos gusta velo como di José Luis Antúnez:

    O capitalismo, cando se fai ben, é o mellor dos humanismos.

    Eleximos ser cooperativa porque non buscamos optimizar beneficios, senón vivir ben do noso traballo, con flexibilidade e autonomía. Porque cremos que os proxectos funcionan mellor cando quen os fan tamén son parte deles.

    Non todo o mundo ten que sentirse parte disto para traballar con nós, pero se alguén quere selo, se encaixa e comparte a forma de ver as cousas, poderá formar parte dunha forma ou outra.

    Durante o camiño cara a esta decisión atopámonos con moito ceño engurrado e escoitamos bastante comentario:

    Se ninguén o fai, será por algo.

    Do tópico ao orgullo

    E, como non, algún que outro comentario, en ton despectivo, ao asociar erroneamente cooperativismo con mundo rural:

    Ides vender penso? Viño?

    Todo iso reforzou aínda máis a nosa idea de seguir adiante. Porque non queriamos lanzarnos a esta piscina para, ás primeiras de cambio, acabar facendo o mesmo contra o que predicabamos.

    Igual que unha das nosas fortalezas é tender pontes e romper silos, por que non empezar tamén rompendo estereotipos e prexuízos?

    E sobre todo sentir moito orgullo do rural que é onde nacemos, criamos e vivimos.

    Desa rin-tin-tín naceu unha forma de diferenciarnos, que nos representa e da que nos sentimos orgullosos.

    Oxalá que, incluso quen nunca traballen con nós, se acorden de nosDeu por algo disto: polo de cooperativa, polo rural, por construír comunidade ou simplemente por intentar facer as cousas doutra maneira. Pero, ao fin e ao cabo, un quere que se acorden.

    Escrito por &

    Última actualización: 5 agosto 2026