Seis meses construíindo unha empresa
Cando decidimos crear nosDeu pensabamos que o maior reto sería atopar clientes. O que non imaxinabamos era que o verdadeiro reto non sería vender, senón construír unha empresa.
Escrito por &·July 15, 2026
Partiamos dun par de colaboracións puntuais e sabiamos que a parte comercial non era o noso forte. Empezamos como empezan moitos proxectos: con ilusión, ganas de aprender e a convicción de que os primeiros meses serían duros.
Durante este primeiro semestre aprendemos a vender sen sentir que estamos a vender. Descubrimos que unha comunidade coidada durante anos pode converterse na mellor canle comercial. Perdemos un cliente importante, participamos en eventos, enviamos propostas que non saíron adiante, tomamos decisións difíciles e cometemos erros dos que aprendemos moito.
Pero, sobre todo, confirmamos a idea coa que empezamos: queremos construír unha empresa onde as persoas estean por riba dos datos. Onde as relacións con clientes e colaboradores se baseen na confianza e onde o longo prazo pese máis que os resultados inmediatos.
Porque estes seis meses ensináronnos que emprender non consiste só en conseguir clientes. Consiste, sobre todo, en decidir cada día que tipo de empresa queres construír.
- Contactos30
- Propostas20
- Rexeitadas5
- Abertas9
- Activos10
- Con plan de acompañamento3
- Perdidos2
- Horas rexistradas1.466,5
- Ferramentas11
- Eventos6
A comunidade deixou de ser unha aposta
Durante anos escoitamos que dedicar tempo á comunidade era un investimento difícil de xustificar. Nós sempre pensamos o contrario. Levamos anos dicindo que cando fas cousas, pasan cousas. Por iso seguimos a empurrar na comunidade de Datola, organizando La Datolada, asistindo a eventos, dando charlas e compartindo coñecemento mesmo cando tiñamos a axenda chea de traballo.
Durante anos, gozamos dos pequenos xestos que nos daba a comunidade e que servían de combustible para que seguísemos traballando nela. Palabras de cariño, de encántame todo o que facedes, escoito todos os teus podcasts... Todo iso é ouro. O que non imaxinabamos é que iso tamén nos ía axudar a ter os nosos primeiros clientes.
Moitas das oportunidades que chegaron a nosDeu non apareceron porque alguén buscase unha consultora de analítica. Chegaron porque alguén nos coñecía, porque alguén nos recomendou, porque alguén coincidira connosco nun evento meses antes.
A comunidade non substituíu o traballo comercial. Fíxoo moito máis humano. E axudou a xerar esas relacións de confianza que buscabamos desde o principio.
De onde veñen os contactos?
O 90% das oportunidades do semestre naceron grazas a relacións construídas moito antes de fundar nosDeu.
Descubrimos que os clientes non buscan provedores
Tres clientes decidiron apostar pola nosa forma de traballar contratando os nosos plans de acompañamento. Algo que nos fixo crer que unha forma diferente de traballar era posible. Que realmente tiña sentido esquecerse do pago por hora e centrarse en relacións de confianza, onde se establecen prioridades conxuntas e se dan pasos firmes, sen importar o número de horas investidas, só os resultados obtidos.
Estes clientes ensináronnos que moitos non buscan a alguén que lles implemente ferramentas, menos nestes tempos de IA. Buscan a alguén que entenda o seu negocio, que propoña melloras antes de que llas pidan e que se implique.
Por iso queremos apostar polos plans de acompañamento. Porque cremos que o verdadeiro valor aparece co tempo, cando coñeces as persoas, entendes o contexto e podes anticiparte aos problemas.
Clientes
Non nos obsesiona sumar clientes, interésanos construír relacións que duren anos.
Tamén aprendemos que emprender doe
O semestre non foi unha liña recta. Conseguimos un cliente do sector viaxes que prometía ser unha relación duradeira cun proxecto moi interesante. Chegou sen buscalo, como un agasallo caído do ceo. Creron en nós e na nosa forma de traballar. Déronnos confianza e sensación de estabilidade.
Pero como veu, marchou. Non é que deixaramos de confiar uns nos outros, todo o contrario. Simplemente non era o momento adecuado para esa empresa e tiveron que tomar decisións difíciles.
Nós tamén. Esta separación traía consigo unha desas decisións que marcan a túa identidade. Podiamos esixir o preaviso que figuraba no contrato. Legalmente correspondíanos, eticamente tamén. Pero decidimos renunciar a el. Desde logo non era a mellor decisión para a nosa caixa. Pero era a mellor decisión para a empresa que queremos ser, onde o primeiro son as persoas.
Quizais dentro duns anos ninguén lembre ese xesto, pero cremos que era o correcto. Porque son esas decisións as que rematan definindo a cultura dunha empresa.
Moitas horas non acabaron nunha factura
Gran parte do semestre dedicámolo a construír a empresa desde dentro. Este foi o noso gran reto e onde puxemos o noso maior esforzo.
Desenvolvemos ferramentas, automatizamos procesos, definimos o noso catálogo de servizos, melloramos o discurso comercial e seguimos construíndo e apoiando a comunidade.
É un traballo que case ninguén ve. Pero cremos que é o que máis valor xerará no futuro.
Horas do semestre
- nosDeu · Xestión interna42%
- Datola · Comunidade30%
- Clientes28%
1.466,5 horas rexistradas. O maior investimento do semestre non foron os clientes, foi construír nosDeu.
Durante estes seis meses desenvolvemos once ferramentas. A maioría naceron para resolver problemas propios que nos iamos atopando como empresa. Outras simplemente porque cremos que automatizar tarefas repetitivas nos permitirá dedicar máis tempo a pensar e menos a executar.
Ferramentas desenvolvidas
Non sabemos cantas rematarán converténdose en produto, pero seguro que todas nos axudan a traballar mellor.
- nosTempo (Tempo e retrospectivas)
- nosPresupuesta (Orzamentos e gastos)
- Escáner de gastos
- Dársena (Backoffice)
- Dataporte (Comunidade)
- TagFlow (Plans de medición)
- GA4 SPY
- Automatización de auditorías
- Automatización de ligazóns de campañas
- Web corporativa
- CMS e MCP Web
Cinco cousas que levamos destes seis meses
Empezabamos esta aventura con ganas de aprender e vaia se aprendemos! Estas son as 5 leccións que levamos na mochila. Moitas xa as sabiamos, pero durante estes meses reforzáronse.
- 01As relacións empezan moito antes da primeira xuntanza
A maioría das oportunidades chegaron grazas a persoas que levabamos anos coñecendo: na nosa traxectoria profesional, a través de Datola, nas nosas vidas persoais...
- 02A comunidade tamén é unha forma de facer empresa
Non só porque xera negocio, senón porque xera confianza. E a confianza trae as relacións a longo prazo que buscamos en nosDeu.
- 03Nunca queremos depender dun único cliente
A perda do cliente de viaxes lembrounos unha lección que xa viviramos por conta allea. Pero que esta vez nos tocou máis directamente. É necesario diversificar negocio. Como dirían as nosas avoas, non ter todos os ovos na mesma cesta.
- 04Construír empresa tamén é facer traballo invisible
Procesos, ferramentas, automatizacións, cultura... Nada diso aparece nunha factura, pero todo iso sostén unha empresa.
- 05
Durante os momentos bos foi fácil compartir a ilusión e durante os difíciles descubrimos que tamén era moito máis fácil compartir a carga.
Ollando ao segundo semestre
Chegamos ao verán con moitas máis preguntas que respostas. Queremos mellorar a nosa parte comercial, sen dúbida é un dos nosos talóns de Aquiles.
Oxalá poidamos pechar algunhas das oportunidades que seguen abertas. Mentres tanto seguiremos a coidar dos nosos clientes actuais e a construír ferramentas e procesos.
Queremos seguir a demostrar que é posible facer consultoría doutro xeito. Máis preto das persoas, da comunidade. E pensando sempre a longo prazo.
Porque se algo nos ensinou este primeiro semestre é que os datos son importantes, pero as relacións sono moito máis.
Escrito por &·July 15, 2026